Imprimir
Hai un mes cumpriuse un ano da histórica derrota electoral de Fraga e o PP, e da formación dunha Xunta progresista PSdeG-BNG tras case 24 anos ininterrompidos de Xuntas da dereita. Hai un ano abríronse importantes expectativas para os traballadores. Hai un mes cumpriuse un ano da histórica derrota electoral de Fraga e o PP, e da formación dunha Xunta progresista PSdeG-BNG tras case 24 anos ininterrompidos de Xuntas da dereita. Hai un ano abríronse importantes expectativas para os traballadores. ¿Que balance podemos facer tras este primeiro ano?

Sanidade: As listas de espera seguen a ser un grave problema, dada a insuficiencia de persoal no SERGAS. A reducción drástica das listas, promesa electoral do bipartito, foi escasa: 17 días para quirófano (a espera segue superando os tres meses) e 3 días para o especialista. Este problema só se poderá resolver cun incremento drástico do gasto sanitario. A medida anunciada pola Xunta (disolver as catro fundacións privadas que parasitaban o sistema público e integralas no SERGAS) é un paso adiante, pero fica moito por facer. Outros centros privados deben ser incluídos tamén na rede pública (o Instituto de Medicina Técnica, o 061, o Instituto Oftalmolóxico, o Centro de Transfusión, a Escola Galega de Administración Sanitaria, que contan con subvencións de toda caste).

Vivenda: O prezo da vivenda disparouse. Esta situación só podería ser revertida coa construcción de vivenda social pública, sobre a base da municipalización do solo privado e a expropiación das constructoras,. En lugar de esto, a nova Xunta reabriu a “bolsa de aluguer” de pisos herdada dos tempos de Fraga, empregando o mesmo sistema inaceptable de transvasar fondos públicos a mans dos propietarios de pisos para abaratar os alugueres.

Educación: A política da Xunta é aquí manifestamente mellorable. O bipartito comezou a súa andaina concertando máis unidades de infantil, incumprindo a súa promesa de crear prazas públicas nese tramo, e remata o ano construíndo barracóns, no canto de aulas en condicións axeitadas, na periferia de Compostela, a pesar das mobilizacións da comunidade educativa. Entre tanto, fomenta a aplicación do plano Boloña na Universidade, enfróntase a mobilizacións na Coruña pola implantación dos reaccionarios “centros integrados” de FP e enfróntase ós profesores interinos que van á folga en protesta pola precariedade laboral. O 22 de maio, nunha entrevista en La Voz, a conselleira de Educación deixaba en evidencia o seu apoio ó ensino privado: “Temos uns compromisos asinados polo Goberno anterior por catro anos que teñen que seguir (…). O que nos gustaría é apostar pola especialización da privada concertada, que fai un gran labor en educación especial. Por aí van as apostas”.

Dereitos democrático-nacionais: Nada cambiou tampouco aquí. A Xunta non fixo nin unha soa mención ó dereito de autodeterminación de Galiza nin adoptou medidas para potenciar o galego. De feito, a Mesa pola Normalización Lingüística anunciou que denunciará á Xunta perante o Consello de Europa por obstaculizar o uso do galego. E a inacción da Xunta non é, desde logo, producto de que haxa pouco que facer: o 2 de maio, a prensa publicaba o caso dunha pontevedresa despedida dunha xestoría por falar galego.

Respecto ó novo Estatuto de autonomía, o documento acordado polo PSdeG e o BNG céntrase na definición do “carácter nacional de Galiza”, o aumento de competencias, o establecemento do galego como lingua oficial e o deber de coñecelo, unha maior autonomía fiscal e a reclamación do incremento do gasto estatal en infraestructuras ata o 8% do PIB.

Respecto á maior autonomía fiscal, se ben os marxistas estamos a favor da máxima autonomía para as nacionalidades oprimidas, poñemos o acento nos aspectos de clase, isto é: de onde sairán e a onde irán parar os impostos, e non quén os recada. Para a clase obreira o decisivo é que o peso da política impositiva recaia sobre as grandes fortunas e que o recadado sexa empregado en mellorar as condicións de vida da maioría da poboación. Polo demais, o documento non di nada do dereito de autodeterminación, nin fala dunha política a favor dos traballadores, que debe pasar por resolver os problemas antes mencionados.

O bipartito fala claramente de que se trata dun estatuto de mínimos, que, como afirmou Aymerich, voceiro do BNG, ten “vocación de apertura e de que o PP se poda sumar”. Desde xa anticipamos que calquera estatuto que sexa asumible polo PP non vai supor ningunha mellora para a clase obreira galega e, en consecuencia, sería un Estatuto que non pagaría a pena.

¿Habería algún problema se o PP oponse ó novo estatuto? Se o PSdeG e o BNG someten a votación un proxecto de estatuto que recollese a creación de decenas de milleiros de vivendas sociais, a expropiación da banca e as grandes empresas, o aumento drástico dos salarios, o investimento do 8% do PIB no ensino público, o dereito de autodeterminación, etc., sen dúbida a mocidade e os traballadores galegos responderían enerxicamente ó PP, incluso coa mobilización, se for necesaria.

Emprego e condicións laborais: O desemprego descendeu nos últimos meses, pero segue por riba da media estatal. Cada ano, 20.000 mozos vense obrigados a emigrar para traballar. Cortar esta auténtica sangría foi unha das principais promesas electorais do PSdeG e do BNG. En realidade, acabar co desemprego e a emigración require un intenso plan de industrialización, especialmente da Galiza interior. E isto só é posible cunha política decidida por parte da Xunta destinada a crear industria pública, con boas condicións laborais. Estas seguen caracterizadas por unha enorme precariedade laboral, especialmente entre a mocidade, e por salarios moi baixos, que crecen por baixo da inflación.

Recentemente apareceron informes na prensa que reflicten as condicións laborais no téxtil en Galiza. As rematadoras son un exército de mulleres que rematan nas súas casas as pezas das grandes firmas de moda, por 2’5 €/hora, menos que en Polonia ou Estonia. Entre elas a precariedade chega ata o 80%, o que explica que Inditex, unha vez máis, aumente o seu beneficio un 20% no último trimestre fiscal. A Xunta ten que intervir inmediatamente para mellorar as condicións laborais da clase obreira.

¿Que política necesitamos os traballadores?

Para que se resolvan os graves problemas antes mencionados, é necesaria unha política diferente. E isto esixe recursos, pero eses recursos existen.

As empresas atravesan momentos doces. A producción industrial creceu un 10’3% este cuadrimestre, cinco veces máis que a media estatal. A industria madeireira, téxtil e alimentaria, a de bens de equipo (sector naval, metalurxia e maquinaria), creceu aínda máis, case un 13%.

E os beneficios gozan dunha extraordinaria saúde: en 2004, as conserveiras gañaron un 45% máis. En 2005, Fenosa gañou un 119% máis e Endesa, un 154%. Inditex gañou ata abril un 20% máis, tras crecer un 143% entre 2000 e 2004.

Mentres, a inflación cómese os salarios, os accidentes laborais matan un traballador galego cada día e os beneficios do téxtil non son un obstáculo para as deslocalizacións e os expedientes de regulación.

O punto central é que, independentemente da vontade subxectiva da nova Xunta, non é posible levar adiante unha política en beneficio da maioría mentres os inxentes beneficios que xera o pobo traballador galego vaian ó peto dun feixe de grandes empresarios. A Xunta PSdeG-BNG só poderá mellorar as condicións do pobo traballador galego apropiándose das pancas fundamentais da economía do noso país. Dito doutro xeito: resolver os problemas que padecemos esixe un programa autenticamente socialista. A ausencia deste programa é a causa de que a nova Xunta realice unha política moi pouco diferenciada da política da Xunta anterior.

A realidade do mundo demostra que o capitalismo non pode garantir unhas condicións de vida dignas para a humanidade. Pobreza extrema e saqueo de recursos nos países ex-coloniais, e recortes nas pensións, abaratamento do despedimento, subcontratación, imposibilidade para acceder a unha vivenda, nos países capitalistas avanzados. Isto é todo o que pode ofrecer a mal chamada “economía de libre mercado”. A outra cara da moeda son os procesos revolucionarios que se estenden por toda Latinoamérica —coa nacionalización do gas en Bolivia e as ocupacións de fábricas en Venezuela, Brasil, Arxentina— e o claro rexurdimento da loita de clases en Europa, onde as folgas xerais e ata as revoltas sociais (como en Francia) volven a estar á orde do día.

A crise do capitalismo está poñendo de manifesto a necesidade dun cambio de sistema. Xa non se trata só de que o capitalismo sexa un réxime social inxusto, senón que é unha ameaza para o futuro da humanidade e do mesmo planeta. E conseguir este cambio require unha loita e unha organización internacional porque o capitalismo é un sistema mundial e o combate contra el hai que dalo a ese nivel. Hoxe máis ca nunca o dilema é: socialismo mundial ou barbarie.

ORGANÍZATE CONNOSCO PARA LOITAR POLO SOCIALISMO

25 de Xullo de 2006