Corriente Marxista Internacional

O 19 de xuño temos a ocasión de desaloxar o PP da Xunta. Tras 16 anos de caciquismo e incompetencia, existe a posibilidade real de que a dereita perda a maioría absoluta, a consecuencia das circunstancias políticas, ás que se engaden os cambios socio O 19 de xuño temos a ocasión de desaloxar o PP da Xunta. Tras 16 anos de caciquismo e incompetencia, existe a posibilidade real de que a dereita perda a maioría absoluta, a consecuencia das circunstancias políticas, ás que se engaden os cambios sociolóxicos das dúas últimas décadas.

As circunstancias políticas vividas durante a pasada lexislatura de Fraga son excepcionais porque nestes últimos catro anos asistimos a un proceso de mobilización enorme. Lembremos que ese proceso de mobilización xa comezou ás poucas semanas da victoria electoral do PP nas autonómicas de 2001, coa loita contra a LOU, que foi moi importante pero que só foi un aperitivo do que había vir. O desastre do Prestige foi o seguinte fito dese proceso. A actuación da Xunta rematou co mito da competencia de Fraga e puxo en evidencia o carácter autoritario e manipulador da dereita, que aínda se había poñer máis de manifesto durante as mobilizacións contra a guerra de Iraq. A derrota electoral do PP o 14-M foi outro acontecemento importante.

Todo isto, engadido ó desgaste de tres lustros no poder, á derradeira lexislatura de Aznar, á actuación do PP desde a oposición e á crise do PP galego, explica o evidente nerviosismo do PP. A mellor proba é que volven a presentar a un Fraga que chochea (lembremos, sen ir máis lonxe, as súas declaracións presumindo de que el nunca usara condón). Saben que non é a mellor opción, pero non teñen alternativa. Fraga xa non manda como antes (aí estivo a rebelión dos seus deputados ourensáns), pero ninguén se atreve aínda a retalo persoalmente porque son conscientes de que a súa retirada abriría inmediatamente unha guerra pola sucesión e levaría a un cisma que si garantiría a derrota do PP o 19 de xuño. Que a crise do PP galego segue aberta o demostra que incluso neste intre delicado houbo grandes tensións internas para a elaboración das listas (Baltar rexeitou a Núñez Feijoo por Ourense, Corcoba dimitiu en Coruña, etc.), producto do afán dos dous bandos por obter o maior número posible de deputados e do interese dos actuais conselleiros por se garantir un escano, dado que xa non ven seguro seguir na Xunta.

A todos estes factores políticos hai que engadirlles os cambios sociolóxicos. Galiza xa non é a sociedade que era hai 20 ou 30 anos: houbo unha enorme reducción da poboación activa agraria e, con ela, da poboación rural (na actualidade o 40% da poboación concéntrase en tan só catro grandes áreas metropolitanas: Vigo, A Coruña, Ferrol e Santiago); mentres Lugo e Ourense, os feudos do PP, perden habitantes, a poboación estase a concentrar na franxa que vai de Ferrol a Vigo. Estes procesos de cambio sociolóxico inevitablemente rematan por levar a unha nova correlación de forzas entre as clases e son, en derradeira instancia, a razón do lento pero continuo declive electoral que o PP viña sufrindo en Galiza, declive que agora pode ter un acelerón a consecuencia dos factores políticos mencionados.

UN BALANCE NEFASTO

A crise do Prestige foi o centro da pasada lexislatura e puxo ó PP contra as cordas. Pode parecer que quedou atrás, pero non é así. Foron demasiadas cousas, demasiadas mentiras, demasiada represión, demasiada manipulación, como para que os seus efectos na conciencia desaparezan. Todo o contrario, o aprendido neses meses está aí, o Prestige marcou a unha xeración de galegos, especialmente á xente nova. Ademais están as repercusións medioambientais do desastre, que non desaparecen tan doadamente. Un estudo das confrarías afectadas polo vertido estimaba, en outubro do ano pasado, que o descenso nas capturas de peixe era do 25%.

Pero ademais, a situación económica e social non avanzou nestes anos, senón que retrocedeu. Os indicadores socioeconómicos (crecemento do PIB, inflación, accidentes laborais, precariedade, sanidade, etc.) son peores ca media estatal. Esto trae como resultado, entre outros, que milleiros de mozos galegos se vexan obrigados cada ano a ir traballar a outras comunidades autónomas. A Xunta contribúe activamente a esta situación. Por exemplo, na sanidade pública téñense denunciados contratos do Sergas por días ou fins de semana. O apoio da Xunta ás empresas é tan descarado que incluso suprimiron a obrigatoriedade de que as caixas de aforro gastasen unha parte dos seus beneficios en obra social, medida introducida na Lei de Acompañamento dos orzamentos deste ano. Tamén é notorio o seu desinterese polos problemas que a cota láctea lle crea ós pequenos gandeiros. No terreo do ensino, a Xunta continuou coa súa política de deteriorar o ensino público e favorecer o privado, desviando cartos desde o primeiro ó segundo.

Esta é a realidade, malia a hipocrisía da Xunta. Valla o seguinte exemplo: o PP leva anos desoíndo as demandas sindicais para que se dote ás inspeccións de traballo de máis medios. De feito, en toda Galiza, con dous millóns e medio de habitantes, só hai 43 inspectores. Pero isto non impediu á conselleira de Relacións Laborais laiarse dos catro traballadores mortos o 11 de maio en Navantia-Ferrol, nin lle privou de anunciar uns días despois que Galiza será a primeira autonomía que promoverá un certificado de calidade para os servizos de prevención. Hai que ter cara.

O PP DEBE PERDER AS ELECCIÓNS

Unha derrota electoral do PP o 19 de xuño abriría unha nova etapa política en Galiza, ademais de supoñer un durísimo golpe ó PP estatal. Pero aínda así, o PP podería non perder a Xunta. Referímonos a unha modificación do reparto de escanos por mor do voto emigrante, que conta cun censo de 300.000 persoas e no que o PP está investindo inxentes cantidades de cartos públicos (comelladas incluídas, como as de Fraga durante a súa visita a Arxentina o mes pasado).

Tal situación abriría unha grave crise política, dado que eses votos non teñen ningunha garantía democrática porque a suplantación do votante é moi doada (deixando á marxe que parte dos inscritos no censo non deberían ter dereito a voto sinxelamente porque non forman parte da sociedade galega; non é lóxico que decidan sobre un futuro que non é o seu persoas que levan 50 anos sen pisar a terra, ou os seus fillos e netos que xa naceron noutro país, que están totalmente integrados nel e que non teñen ningunha relación con Galiza, por moita orixe galega que teñan).

Ademais, se se dese esta circunstancia, aínda que o PP capease a primeira treboada, a falla de lexitimidade da Xunta reaparecería de inmediato como agravante da crise que inevitablemente se abrirá no PP no momento en que haxa que substituír a Fraga, que dada a súa idade e estado non aguantaría outros catro anos de lexislatura, aínda que algún do PP poida caer na tentación de depararnos un espectáculo tan patético como o que montou a Igrexa Católica co papa.

É NECESARIO UN PROGRAMA SOCIALISTA

O PP está tocado, por iso a campaña electoral pode xogar un papel máis importante no resultado ca outras veces. Dadas as circunstancias, non sería o mesmo que Fraga sufrise un dos seus desmaios no medio dun mitin ca se non o sufre. E por suposto, está o factor da actuación da oposición, que é o verdadeiramente decisivo. A favor da esquerda xogan moitos factores, incluído o rumbo reaccionario de Rajoy e o PP estatal, pero non caben erros. Neste sentido, situacións como as de hai catro anos, cando o PSdeG-PSOE parecía que estaba máis interesado en quedar como o segundo partido en número de votos ca na derrota de Fraga, ou as recentes declaracións de Anxo Quintana, dicindo que está disposto a pactar con todos, teñen que desaparecer. Ten que estar moi claro para todo o mundo que, se o PP non obtén a maioría absoluta, haberá unha Xunta de esquerdas.

É evidente que as condicións para derrotar a dereita están máis que dadas. Como ocurriu noutras elecciones, tanto en Galiza como no resto do Estado, o factor que remata por inclinar o resultado é a maior ou menor participación dos traballadores e da mocidade, non a fortaleza da dereita. Polo tanto, a chave da derrota de Fraga está en mans dos dirixentes do PSdeG e do BNG. Se durante a campaña ofrecesen unha alternativa clara para facer fronte ó desemprego, a precariedade, a incertidume sobre o futuro da xente nova, unido a unha defensa clara dos dereitos democráticos, como o dereito de autodeterminación, a victoria estaría garantida.

As direccións do PSdeG e do BNG non están nesta liña, pero aínda así a perspectiva dunha derrota do PP está presente e, desde logo, sería tremendamente positiva. Unha Xunta de esquerdas terá que afrontar o reto de corresponder ás expectativas de cambio que existen na sociedade galega. E a única garantía para aplicar unha política cualitativamente diferente á da dereita, a única solución ós problemas da clase obreira, é un programa socialista. Neste senso, as políticas impulsadas por BNG e PSdeG-PSOE nalgúns concellos, incluíndo privatizacións de servizos públicos, son un erro, derivado da lóxica de aceptar o capitalismo como o único sistema posible. Igual que son prexudiciais os coqueteos cos empresarios galegos.

A esquerda ten que obter o seu apoio e os seus votos entre os traballadores e a xente nova, que somos a Galiza que vai mal e que non queremos seguir sufrindo as políticas do PP na Xunta. Por iso a esquerda debe defender un programa socialista, un programa que cuestione o actual dominio da economía polos capitalistas. Non hai “terceiras vías” nin milagres económicas do estilo do “tigre celta” irlandés. Nun período de crise económica como o actual, a xestión da economía capitalista pola esquerda reformista ou pola dereita produce os mesmos resultados. A única alternativa para aplicar unha política diferente é cuestionar todo o sistema.

ORGANÍZATE PARA LOITAR

Hai que darlle a Fraga a fin que se merece: unha derrota electoral o 19 de xuño. Todo o mundo debe ir votar, e debe votar á esquerda; á opción que máis lle convenza (PSdeG-PSOE, BNG ou EU), pero ningunha persoa de esquerdas debe deixar pasar esta oportunidade.

Pero á vez que hai que ter claro que temos que chimpar a Fraga e o PP da Xunta, tamén hai que ter claro que iso non abonda para garantir unha política diferente. Aí esta a saída dada á recente reconversión de Izar. Os graves problemas que hoxe afronta a clase obreira funden as súas raíces no capitalismo. Por iso, máis aló do voto, é necesario organizarse politicamente para loitar, porque o único xeito de impulsar a transformación social e económica que necesitan a meirande parte dos galegos é defendendo un programa que rompa coa lóxica capitalista, un programa autenticamente socialista que poña os enormes recursos económicos existentes ó servizo da sociedade a través da nacionalización da Banca e das grandes empresas sen indemnización agás en caso de necesidade comprobada, para así poder implantar a planificación democrática da economía baixo control obreiro.


Nueva página

Para mantenerse al día con nuestras actualizaciones, por favor visite nuestra nueva página en luchadeclases.org