Imprimir
A marea negra provocada polo Prestige e as desastrosas consecuencias que está supoñendo para decenas de milleiros de familias galegas que dependen economicamente do mar provocaron unha auténtica marea de indignación que chegou moi fondo na sociedadeg A marea negra provocada polo Prestige e as desastrosas consecuencias que está supoñendo para decenas de milleiros de familias galegas que dependen economicamente do mar provocaron unha auténtica marea de indignación que chegou moi fondo na sociedade galega. A característica máis salientable da situación política en Galiza tralo desastre do Prestige é o enorme abismo creado entre, por unha banda, a Xunta de Fraga e o goberno de Aznar en Madrid e, pola outra banda, a inmensa maioría da poboación galega. Para o pobo traballador galego, a imaxe da Xunta e do Goberno central, ambos nas mans do PP, queda fortemente asociada á incompetencia, a desidia, a manipulación, a censura, o insulto e a represión.

As manifestacións das últimas semanas contra a dereita tiveron un carácter masivo e histórico e son unha mostra indiscutible do descontento. Pero a mobilización non está sendo importante só pola súa amplitude, senón pola súa profundidade. A devastación da marea negra non só puxo ó descuberto a inutilidade e o desprezo da dereita cara a poboación, senón tamén o papel real do Estado burgués e do sistema capitalista, baseado no afán de beneficio duns poucos a costa da gran maioría da sociedade. Son os mariñeiros, as mariscadoras, as súas familias, os que están facendo fronte á marea negra. E o están facendo totalmente sos, cos seus medios, coa súa creatividade, coa súa capacidade de sacrificio e co único apoio de milleiros de voluntarios, a gran maioría mozos, de Galiza, do resto das comunidades autónomas e incluso doutros países do mundo, que co seu esforzo están tentando paliar no posible os efectos da marea negra. Cando se trata de prohibir, de censurar e de reprimir, o Estado mostra unha vitalidade indubidable e tódolos seus engrenaxes funcionan á perfección; pero cando se trata de poñer recursos públicos para facer fronte a situacións coma a creada polo Prestige, ou para a educación e a sanidade públicas, entón o Estado desaparece ou languidece progresivamente. Parece claro que o Estado non é de todos.

A marea negra xa deixou unha cousa clara para moita xente, dentro e fóra de Galiza: non imos todos no mesmo barco. Non todos sufriremos por igual as súas consecuencias sociais e económicas (os grandes armadores, tan amigos de Fraga, e os negociantes do petróleo non terán que emigrar nin irán ó paro, e ata se beneficiarán das axudas do Goberno se non o impedimos coa loita), nin todos estamos interesados en paliar e resolver de forma drástica os efectos económicos, sociais e ecolóxicos desta catástrofe. De feito, a crise capitalista e a política da dereita xa estaban facendo estragos sociais e económicos en Galiza cando o nome Prestige aínda non significaba nada. Reconversión gandeira, reconversión pesqueira, reconversión industrial: este era o programa do PP antes do desastre, e non o vai cambiar; en todo caso, a dereita acelerará moitos dos planos que xa tiña na axenda.

A catástrofe do Prestige sacou á superficie os antagonismos irreconciliables que existen na sociedade: por unha banda, os intereses da poboación traballadora e as nosas familias; e pola outra, os intereses dos armadores e os capitalistas en xeral, dos seus representantes políticos e do seu Estado. Despois do de Tragsa ou Remolcanosa, o último exemplo desto témolo no decreto-lei sobre buques que transporten mercadorías perigosas ou contaminantes, aprobado polo Consello de Ministros o 13 de decembro e convalidado no Congreso seis días máis tarde. Do texto do decreto-lei desapareceu o apartado sobre control e inspección dos buques dentro das 200 millas da Zona Económica Exclusiva española, que permitiría inspeccionar calquera barco que transitase por augas españolas. Por tanto, o decreto-lei tal e como foi aprobado non serviría para ter evitado esta catástrofe, posto que o Prestige non tiña previsto entrar en ningún porto español. ¿Por qué desapareceu ese apartado? Álvarez-Cascos dixo que por “innecesario” (!) e porque cargaría á Administración “cunha serie de obrigas”. Deixando á marxe que as palabras de Cascos revelan unha vez máis a hipocrisía da dereita e que para eles o Estado non é un instrumento ó servicio do interese xeral (como continuamente nos queren facer crer), senón unha vaca para muxir en beneficio propio, a realidade foi outra: a desaparición dese apartado foi unha das esixencias de ANAVE (Asociación de Navieros de España), a patronal do sector, que considerou que no borrador había aspectos “preocupantes”. Por suposto, ó PP faltoulle tempo para satisfacer ós seus amos. Evidentemente, seguro que na famosa cacería de Fraga co navieiro Fernández-Tapias o de menos foron as perdices.

Nada do que está pasando obedece á “casualidade”, non era imprevisible. Toda esta desfeita ten que ver co gran negocio que para os armadores e as petroleiras supón a utilización de chatarras flotantes, ten que ver coa privatización dos recursos públicos, ten que ver coa actitude das empresas privadas, que queren facer negocio ata coa desgracia allea, ten que ver cunha dereita que leva no sangue a corrupción e o desprezo polos traballadores, ten que ver en definitiva co sistema capitalista.

O PP está moi ocupado en recompoñer a súa maltreita imaxe tralo desastre do Prestige. Non reparan en esforzos, utilizando os medios de comunicación e incluso a Monarquía, que demostrou que a súa “neutralidade” consiste en apoiar ó PP e tratar de restaurar a imaxe do Estado burgués en momentos difíciles. Cando a dereita fala de que “todos temos que arrimar o ombro”, en realidade quere dicir “non somos responsables da desfeita e fixemos todo o posible, e como ninguén ten a culpa, imos pagar a factura entre todos”. En realidade, a campaña de “solidariedade” mediática do PP é unha campaña de solidariedade cos armadores, as compañías petroleiras, as empresas privadas relacionadas co salvamento marítimo e con eles mesmos, que son os responsables políticos da catástrofe. Resulta insultante que o Goberno e a Xunta fagan apelacións a “arrimar o ombro” cando toda a poboación está volcada nas tarefas de limpeza ou dando mostras de auténtica solidariedade cos afectados directamente e cando hai un verdadeiro clamor contra a desidia e a falta de medios das Administración, tanto central como autonómica, que incluso motivou unha folga de fame dos representantes dalgunhas confrarías.

¿E agora que?

O punto de partida na loita contra o desastre provocado polo Prestige é o estado de mobilización no que entraron o pobo traballador e a mocidade galega. Unha vez máis, queda claro que hai motivos e gañas de loitar. En pouco máis dun ano, Galiza viviu dúas folgas xerais. Entre ambas, os estudiantes galegos destacaron na loita contra a LOU. Todas estas mobilizacións proban o crecente malestar social contra a dereita, posto especialmente de manifesto en Galiza, pero tamén no resto do Estado: folga xeral do 20-J, loita en Andalucía contra a retirada do PER, mobilizacións estudiantís, profesores e pais contra a LOU e a Lei de “Calidade”, mobilizacións contra o Plan Hidrolóxico Nacional, etc. As impresionantes mobilizacións provocadas pola marea negra son unha proba máis disto.

A loita contra os efectos do afundimento do Prestige leva xa semanas, pero inevitablemente se estenderá ós vindeiros meses. Mentres o barco teña fuel nos depósitos, haberá perigo de que siga chegando, e ademais os recursos técnicos e económicos para facerlle fronte ó desastre social e ecolóxico seguen sendo clamorosamente insuficientes. A loita debe continuar, pero a experiencia demostra que o Estado está ó servicio dos poderosos e que non podemos confiar nel; só obteremos del o que consigamos coa nosa loita. Por iso, os marxistas agrupados en torno ó xornal EL MILITANTE pensamos que é necesario profundar na organización e a amplitude do enorme movemento despregado polo pobo traballador, defendendo unha alternativa de clase para facerlle fronte ós efectos do desastre e á dereita. Neste sentido, presentamos esta proposta para que sexa debatida nos pobos, fábricas, centros de estudio, sindicatos e organizacións políticas da esquerda. É unha proposta aberta ás críticas e ás contribucións que sen dúbida se farán necesarias na medida que transcorran os acontecementos:

PROGRAMA

Creación de Comités de Control e Organización de Tarefas. Estes comités terían que elixirse de forma directa en asembleas convocadas nas localidades afectadas, estarían sometidos ás decisións das asembleas e os seus membros serían revogables en calquera momento por quen os elixiu. Ademais, deberían coordinarse en toda Galiza, creando un comité xeral elixido polos comités locais e estendendo os comités a outras zonas non directamente afectadas para reforzar a solidariedade e a participación nas mobilizacións de toda a poboación. As tarefas dos comités serían:

- Cuantificar os medios económicos e determinar a infraestructura necesaria para evitar a chegada de novas mareas negras e para recuperar as zonas afectadas.

- Avaliar, de xeito independente da Administración, os verdadeiros efectos da catástrofe, empezando por cuantificar os empregos perdidos na realidade, non nas estatísticas oficiais.

- Xestión directa de tódalas axudas económicas provenientes de fondos públicos ou de campañas de solidariedade.

- Fiscalización e capacidade de decisión en tódalas actividades relacionadas coa catástrofe que realice a Administración nas zonas afectadas, tanto de forma directa como a través de empresas privadas. Especialmente, intervención dos comités na planificación e control das actividades de limpeza e recuperación da costa afectada.

- Establecemento dun contacto directo coas organizacións de clase (sindicatos estudiantís e obreiros, comités de empresa, asociacións de veciños, etc.) para a organización de continxentes de voluntarios e das campañas de solidariedade.

- Establecemento dun contacto directo cos científicos para buscar alternativas con criterios medioambientais e sociais, non económicos.

- Denuncia de calquera empresa que se queira beneficiar de diñeiro público a conta do desastre. Hai que esixir que tódolos recursos das empresas privadas se nacionalicen sen indemnización e se poñan baixo control dos traballadores das propias empresas, os sindicatos e os afectados. Este aspecto do control obreiro é moi relevante porque as empresas públicas funcionan cos mesmos criterios de xestión cas privadas, como demostra claramente o exemplo de Tragsa, que é propiedade ó 100% do Estado.

Elaboración dunha plataforma reivindicativa xeral que, unha vez aprobada polas asembleas, sexa esixida ó Goberno e á Xunta. Na nosa opinión a plataforma debe incluír:

- Eliminación urxente do perigo que supón o Prestige. O fuel debe ser extraído do barco o antes posible e sen supeditación ós criterios económicos do Goberno ou ós intereses empresariais que o PP representa.

- Declaración de zona catastrófica.

- Garantía de que se disporá de tódolos recursos necesarios para limpar e posteriormente recuperar os tramos de costa afectados no prazo máis breve posible.

- Subsidio mínimo de desemprego de 1.200 euros por tempo indefinido para tódolos afectados, directos ou indirectos, ata que a situación se restableza ou encontren un posto de traballo digno. Indemnizacións acordes coas perdas provocadas pola marea negra.

- Afastamento do corredor marítimo da costa.

- Elaboración dun plano de seguridade marítima que inclúa portos refuxio.

- Dispositivo público de salvamento marítimo nun porto galego coa suficiente dotación humana e cos medios máis potentes e modernos, que permitan unha actuación rápida e efectiva perante estas situacións. Nacionalización inmediata e sen indemnización, excepto en caso de necesidade comprobada, de tódalas empresas privadas relacionadas coa seguridade marítima, a fin de poñer os seus recursos baixo control dos comités, dos traballadores de ditas empresas e dos sindicatos.

- Non á reconversión pesqueira, non á perda de postos de traballo.

Campaña dos comités, en coordinación cos afectados en Asturias, Cantabria e Euskadi e cos sindicatos e partidos de esquerda de todo o Estado, para esixir:

- Incremento do IRPF para as rendas máis altas, a fin de dotar un fondo especial, xestionado por representantes dos comités e dos sindicatos. Esta desfeita causárona os ricos e os cartos para reparala teñen que saír dos petos dos armadores, as petroleiras e a banca. Non podemos permitir que o PP, coa escusa do Prestige, recorte aínda máis os gastos sociais.

- Organización dunha campaña de solidariedade no resto do Estado e incluso internacionalmente. Establecemento de comités de solidariedade nas fábricas. O diñeiro obtido debe ir directamente ós afectados a través dos comités, non pode ser xestionado nin polo PP (a través do Estado) nin por empresas privadas, que o utilizarían no seu propio beneficio e cos criterios caciquís habituais neles.

- Campaña cos sindicatos estudiantís para esixir a exención de taxas e a gratuidade dos servicios públicos para os estudiantes das familias afectadas.

- Plano inmediato de construcción nos estaleiros públicos de buques petroleiros con dobre casco e con tódalas garantías de seguridade. Renacionalización dos estaleiros privatizados. Non á privatización de Izar.

- Renacionalización de Repsol e de tódalas empresas que pertencían á antiga Campsa. Recuperación da infraestructura anticontaminación que tiñan e que se perdeu coa privatización. Por unha flota pública coas máximas garantías de seguridade para todo o transporte marítimo de mercancías perigosas.

- Prohibición da chatarra flotante e das bandeiras de conveniencia. Control das condicións dos buques e das tripulacións nos portos con representantes directos dos comités, os sindicatos e os traballadores portuarios para que as inspeccións sexan efectivas.

- Campaña internacional dos sindicatos para denunciar as condicións laborais dos traballadores da mariña mercante.

- Convocatoria, en demanda de todas estas reivindicacións, dunha folga xeral de 24 horas en Galiza, ligándoa coa loita dos xornaleiros agrícolas a través dunha folga similar o mesmo día en Andalucía e Estremadura, e recabando a solidariedade a través dunha xornada de loita obreira no resto das autonomías.

Outros aspectos:

- Investigación, en colaboración cos sindicatos e partidos de esquerda, das relacións entre as empresas implicadas e membros da Xunta e do Goberno do PP.

- Dimisión de Fraga e dos ministros do Goberno responsables. Convocatoria de eleccións anticipadas para botar á dereita da Xunta.

- Por unha Xunta PSOE-BNG cun programa socialista de incremento drástico dos gastos sociais, renacionalización de empresas privatizadas e planos agrario, pesqueiro e industrial que garantan o benestar dos traballadores e os sectores menos favorecidos da sociedade galega.

Estas son as propostas que facemos os marxistas. Son propostas algunhas inmediatas e outras más a longo prazo, pero tamén é un programa político que liga as solucións concretas á catástrofe do Prestige coa loita contra o PP, que é o responsable político directo da falta de previsión que provocou esta marea negra sen precedentes estendéndose por milleiros de quilómetros de costa. Pero o PP segue nas mesmas, minimizando o desastre, dándoo por solucionado —“las playas están esplendorosas, no es el apocalipsis que se cuenta”, dixo hai ben pouco o ministro Trillo—, co fin de gastar o menos posible, obsesionado co déficit cero e o dogma neoliberal. Se queremos conseguir as nosas reivindicacións, temos que continuar mobilizándonos, temos que presionar ó PP. Por iso ten sentido unha folga xeral. Hai que impedir que a dereita se recompoña e que entre nós apareza o desánimo, hai que romper definitivamente coa resignación que sempre alentou o caciquismo.

Pero a dereita, o PP, non é máis que o representante político dos empresarios e do seu sistema: o capitalismo. Un sistema no que o único importante son os beneficios empresariais. Un sistema chamado de “libre mercado”, pero no que os únicos que disfrutan de liberdade real son os empresarios e ós traballadores só nos queren deixar a “liberdade” de calar. Durante os últimos anos asistimos a un deterioro moi grave das condicións sociais da clase obreira: precariedade laboral, accidentes de traballo, degradación do ensino e a sanidade públicas, aumento incontrolado dos prezos, que alcanzan niveis de escándalo na vivenda; privatizacións de empresas e servicios públicos, etc. O PP impulsa un auténtico saqueo do Estado, co fin de enriquecer aínda máis a uns poucos ricos a costa da inmensa maioría da sociedade. “España va bien”, pero só para uns poucos magnates.

O deterioro da situación económica vai provocar aínda máis ataques da dereita e os empresarios. Non podemos consentilo, os traballadores temos que defendernos. E as nosas únicas armas son a nosa organización e a nosa loita, que si serven, como acabamos de ver na marcha atrás do PP no tema do decretazo. Loita en defensa dos nosos dereitos, loita para recuperar o terreo pedido, loita para conquistar reivindicacións que beneficien á inmensa maioría. Pero esta loita debe ter unha perspectiva, que é solucionar a cuestión de fondo, rematar coa causa que crea os graves problemas que hoxe padecemos: a dictadura do mercado, que antepón os beneficios empresariais ó benestar das persoas e do medio ambiente.

Mareas negras como a do Prestige están motivadas en última instancia pola existencia do capitalismo, polo ansia desmedida de beneficios. Polo tanto, ademais de loitar contra as consecuencias do capitalismo, hai que loitar tamén contra o sistema, que está destruíndo o medio ambiente e provocando sufrimento sen límite a centos de millóns de seres humanos. Hai que expropiar os monopolios, a banca e os latifundios, para poñer toda esa riqueza baixo o control democrático dos traballadores e explotados, co fin de planificar democraticamente a economía e asó poder satisfacer as necesidades económicas, sociais, culturais e medioambientais da inmensa maioría da poboación do mundo.

Os marxistas pensamos que esa reivindicación que hoxe resume o sentimento do pobo traballador e a mocidade galegos —¡NUNCA MÁIS!— só se converterá en realidade cando transformemos a sociedade, só se converterá en realidade nun sistema económico mundial xusto e solidario, nunha sociedade socialista. Haberá quen diga que este é o único mundo posible, que pensar noutro é quimérico. Pero para nós, o verdadeiramente quimérico é pensar que os problemas existentes se poden solucionar dentro do capitalismo; é máis, non só non se solucionarán senón que se agravarán. O capitalismo, na súa decadencia, ameaza con arrastrar ó mundo enteiro a un inferno de precariedade, paro, explotación, miseria e guerras.

Os colaboradores de EL MILITANTE estamos comprometidos na tarefa de construír un forte movemento marxista, en levar estas ideas, as ideas do marxismo revolucionario, ás organizacións políticas e sindicais de esquerdas, para agrupar a milleiros de loitadores en torno ó programa do Socialismo. Se estás en contra da barbarie capitalista, se rexeitas as agresións imperialistas, se estás a favor do internacionalismo, se queres loitar por un mundo libre de opresión e baseado na participación de todos e na democracia obreira, se queres loitar por unha Federación Socialista Mundial, loita connosco.

¡Que baleiren o Prestige xa!

¡Só coa loita organizada obteremos as nosas reivindicacións!

¡Únete ós marxistas de EL MILITANTE para loitar polo socialismo mundial!

Como xa dixemos, esta é unha proposta aberta ó debate. Gustaríanos coñecer a túa opinión. Podes poñerte en contacto con nós en:

Apdo de Correos 410 15480 – FERROL

Apdo de Correos 350 15700 – SANTIAGO

Telf: 636 21 72 48

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.